1. Todas as actividades do Festival Reperkusión son gratuítas, menos os concertos das noites do venres e do sábado.

2. Podedes comprar as vosas entradas para os concertos de noite anticipadas en entradas.reperkusion.com ou nos puntos oficiais de venda ata o xoves 10 pola noite. Despois, poderedes compralas na billeteira do festival un chisco máis caras.

3. Ao chegar á Cidade dos Muchachos teredes que cambiar a vosa entrada por unha pulseira. Esa pulseira é persoal e intransferible, debedes conservala ata o último día. Se a perdedes ou se vos rompe ou desgasta, perderedes o voso dereito a entrar aos concertos da noite.

4. Tamén teredes que cambiar os cartos por euros de Bemposta. Intentaremos que non haxa colas e que que o cambio sexa rápido e sinxelo, para que poidades ir comodamente de cada vez, porque se cambiades moito xunto despois non poderemos devolvervos os cartos.

5. A zona de acampada do festival é limitada e, por iso, teñen prioridade as persoas que van estar no festival os dous días. Se unha vez instaladas todas as persoas que compraron o seu bono con camping queda sitio, tamén poderán acampar as persoas que veñan por un día.

6. Reservámonos, como en todos os eventos, o dereito de admisión. Isto quere dicir que podemos impedir que entren ou botar do recinto ás persoas que incumpran as normas xerais do festival ou molesten aos demáis. É probable que vos rexistremos ao entrar no recinto dos concertos de noite, para comprobar que non entrades con obxectos perigosos e/ou prohibidos. Tampouco poderedes entrar con comida, bebida, cámaras de fotos ou vídeo ou gravadoras de audio. Os xornalistas podedes escribir a comunicacion@reperkusión.com e pedir unha identificación especial.

7. Os menores de 12 anos poden gozar das actividades de día, pero non poderán entrar aos concertos de noite. Os de 13, 14 e 15 poderán entrar acompañados do seu pai, nai ou titor/a e os de 16 ou 17, cunha autorización asinada polo seu titor ou titora. En ningún caso venderemos alcol a menores de idade.

8. Os cans poderán entrar na Cidade dos Muchachos sempre que estean atados e con bozal, pero non poderán entrar ao recinto dos concertos de noite.

9. O recinto dos concertos de noite é moi amplo e ten todos os servizos, intentaremos que esteades cómodos/as nel. A cambio, pedímosvos que non esteades entrando e saíndo do recinto antes das dúas da mañá. Unha vez decidades entrar nos concertos, quedádevos ata as dúas. Se saídes antes, perderedes o dereito de volver entrar.

10. Finalmente, nunca nos cansamos de insistir: deixade o coche e vide ata o festival en bus. En Bemposta non hai sitio para aparcar e os buses son cómodos, seguros e baratos. Urbanos de Ourense reforza os seus servizos habituais cunha liña especial que unirá a Estación de Bus co Festival. Haberá buses as 24h do día.

Estes dez puntos resúmense nun só: pasádeo ben. Non, mellor, pasádeo XENIAL! Pero recordade tamén que organizar un evento destas características custa moito tempo e moito traballo e que ás veces tomamos decisións que non vos gustan ou directamente nos equivocamos, si, pero sempre nos esforzamos por facelo todo o mellor posible. Dicídenos en que credes que nos equivocamos -se pode ser, con cariño-, pero respectade as nosas normas e axudádenos, así, a manternos en pé, para poder seguir facendo Reper por moitos anos máis.

Submit to FacebookSubmit to Google BookmarksSubmit to TwitterChuzao!Meneame!