A Cidade dos Muchachos

 

A Cidade dos Muchachos de Bemposta foi un proxecto único, unha experiencia de mellora da sociedade coas artes e o circo no centro da proposta. Foi fundada no ano 1956 a partir dunha idea do Padre Silva. Sitúase no sur do concello de Ourense, á beira do lugar de Seixalbo, como unha cidade á beira e dentro doutra cidade ao meso tempo.

A poboación de Bemposta foi variando co tempo, pero situábase por norma xeral arredor das 150 persoas, principalmente mozas e mozos, e cun gran número de nenos. A cantidade de persoas que pasaba por alí era maior, debido ao movemento xerado polas actividades que se impartían, así como as visitas á súa canle de televisión.

En Bemposta ensaiouse un modelo de convivencia pensando nos nenos e nenas, con sistema de autogoberno e incluso un banco con moeda propia: as coroas. O modelo tiña catro prioridades: a harmonía do cidadán, a educación, o traballo (“aprender a pensar coas mans”) e a formación artística, da que resulta o circo. O circo chegou en 1966, froito da escola que se creou dous anos antes, que foi a primeira en España e a segunda no mundo.

A Cidade dos Muchachos de Ourense foi a primeira doutras que virían despois: tres cidades en Colombia: Bogotá, Villavicencio e Montería; as de La Guaira e Caracas en Venezuela; e en Bolivia Cochabamba. Ademais, embaixadas en La Guajira en Colombia, Kobe en Xapón, New Jersey en EE.UU. e dúas máis en Nicaragua e Mozambique. Todas elas son exemplos da proxección daquela idea que empezou a formarse en Ourense a metade do século XX.

Submit to FacebookSubmit to Google BookmarksSubmit to TwitterChuzao!Meneame!